Adeus ao verán

17:07 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Non pasei moito polo blog dende a última vez que escribín, mais, malia non deixar pegada no virtual, este verán xa está deixando un pouso en min que ule a marabilla. "A vida sinxela de Marcelo Firmamento" chegou con mancheas de beizóns baixo dos brazos. Ademais das presentacións en Coruña, Vigo, Compostela e Sada, foi avistado en escaparates de toda Galicia e percorreu moitas das feiras do libro da tempada, chegando a ser a súa autora, quen isto asina, pregoeira da Feira do Libro de Viveiro, unha solleira atardecida de agosto. Por se non abondase, con este libro meu coñecín en primeira persoa xente fantástica, e abraiámonos polas baleas que bicaron a nosa plataforma continental. No vocacional, relacionado ou non, móvome entre relatos e revistas, propios, grazas ao proxecto Inicia Literaria, ou alleos, que poñerán velas á miña imaxinación; a vida laboral, pola súa banda, ancórase por un tempo fabuloso no mundo bibliotecario, e a seguir levando historias na boca, que é o que mellor presta. Adeus, verán, e grazas por térmonos visitado.

Dando a vara na Feira do Libro de Viveiro

0 comentarios: