Feireando entre libros na Coruña

22:15 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Tras un mes de xullo fulgurante, entre presentacións de A vida sinxela de Marcelo Firmamento, entrevistas, sesións de fotos (sesións de fotos???), e outras cousas que eu cría que só facían as estrelas de Hollywood ou das revistas de "sociedade", agosto promete ser tamén interesante, e comeza con fragmentos do meu relato navegando nas ondas da Radio Galega, no programa Diario Cultural, para continuar comigo na caseta de Galaxia, durante a Feira do Libro da Coruña, para asinar exemplares da novela. Se vos gusta o plan, ou queredes parolar un anaco, estarei alá o luns 7 do corrente sobre as oito e cuarto do serán. Para non perder! Dígovolo eu...

Estarei na Feira do Libro 2017 da Coruña

0 comentarios:

Triatlón literario

09:16 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Tras o alto no camiño para falar de fantasía co Xosé Duncan no I Colmado Galego, que tivo lugar no local Maquinaria Pesada, prosigo a singradura de presentacións con "A vida sinxela de Marcelo Firmamento" na man. Hoxe mesmo comeza un triatlón literario ás oito do serán no Corte Inglés de Vigo, mañá as sete no Corte Inglés de Compostela, e o venres volta a casa, presentando o libro na capela de San Roque de Sada ás oito da tarde. Vémonos na ruta?

A piques de empezar a sesión LicorK este pasado domingo, no I Colmado Galego, onde falamos da nosa visión da fantasía na literatura Xosé Duncan e unha servidora, Mar Otero soubo captar a seriedade que nos caracteriza no noso traballo.

0 comentarios:

'A vida sinxela de Marcelo Firmamento' empeza a súa andaina

20:39 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Tras anunciar neste mesmo blog que recibín, arroibada e feliz, o Premio Illa Nova de Narrativa convocado por Galaxia, polo libro "A vida sinxela de Marcelo Firmamento", esta novela, cuxo protagonista é un mariñeiro de Sada nado nos anos 40 que emprende unha viaxe máxica ao corazón dos mares, é xa unha realidade tanxible dispoñible en librarías que comeza a súa andaina e á que lle desexo unha longa singradura polos oceános das palabras.


Este xoves, 13 de xullo, presentareino, por vez primeira, en sociedade. Se queredes acompañarme no acto, será na Coruña, no Corte Inglés de Ramón y Cajal, no restaurante do soto 1º, ás 8 da tarde. Estarán comigo na mesa por Pati Blanco, Francisco Castro, e Isabel Risco, por certo, marabillosa actriz e mellor persoa, que tivo a ben aceptar a miña proposta para arrouparme ese día.


0 comentarios:

Presentando INICIA LITERARIA

19:34 Vanesa Santiago 0 Comentarios

O 22 de maio abriu as súas portas virtuais o colectivo Inicia Literaria, do que son membro fundadora. É un colectivo que busca promocionar a literatura e axudar a creadoras e creadores a publicar a súa obra en formato dixital. Como é unha iniciativa non profesional, a obra publicaríase segundo criterios de non beneficio económico e non exclusividade. Se coñeces alguén (ou ti mesma) que teña unha obra que queira publicar (ensaio, narrativa, poesía, teoría literaria…) estamos abertas a iso, a partir dunhas condicións que poden lerse na páxina web www.inicialiteraria.com e información no mail info@inicialiteraria.com.

En caso de que non coñezas a ningunha persoa interesada como escribinte, espero que a ti mesma che interese como lectora, porque iremos actualizando o catálogo paulatinamente e incorporando títulos variados. Malia que a interface en principio estará en castelán, estamos tentando, cos poucos medios que temos, implementala para incorporar o galego en igualdade de condicións. Así a todo, non dubides: obras en galego aceptamos dende o minuto cero.

Outra forma de axudarnos, ademais de visitar a páxina e descargar de balde (só pedimos que se comparta que os descargarches nas túas redes sociais) os libros que publiquemos e che atraian (e lelos, que ao cabo é do que se trata), é seguir Inicia Literaria nas redes sociais; temos presenza en Facebook, Twitter e Instagram (nesta última de momento só de xeito pasivo; aos poucos). Ademais, pódeste dar de alta como simpatizantes de Inicia Literaria simplemente escribindo un mail co teu nome, profesión e lugar, e sitio web, se queres, a info@inicialiteraria.com

Perdoa a parola, pero acabada a resaca da inauguración toca promocionar un pouco o colectivo. E ata aquí xa cumprín informándote da existencia de Inicia Literaria, e só cruzo os dedos desexando que che guste isto no que tanta ilusión se puxo.

0 comentarios:

Teño algo que anunciar

20:07 Vanesa Santiago 0 Comentarios


Onte recibín, en Vigo, o primeiro Premio Illa Nova de Narrativa 2017, organizado pola editorial Galaxia, pola obra "A vida sinxela de Marcelo Firmamento". Por tanto, é posible que este blog sexa parcial ou fondamente modificado para albergar ao novo neno da casa. Desculpade as molestias que isto poida chegar a ocasionar!

Vanesa Santiago

0 comentarios: