No seu voo, o corvo veu pousar no meu tellado

19:42 Vanesa Santiago 0 Comentarios

Para enterdérmonos, deixándonos de metáforas, quero dicir que este pasado venres 13 (e para máis lúa chea, cousa que non coincidía dende había máis de 80 anos, como tivo a ben lembrarnos o telexornal) tiven o pracer de sentar con Xosé Duncan nunha mesa de conferenciar estricada na Capela de San Roque sita no lugar máis céntrico de Sada, municipio onde medrei, e onde, en nome da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, actuei como anfitrioa presentando ao autor logo da benvida ás persoas que asistiron ao acto dada polo presidente da devandita asociación, Francisco Pita.

Xosé Duncan, ademais de compartir comigo a vea da escrita, que desenrola fundamentalmente nas súas vertentes fantástica e de terror, é xa un amigo co que percorrín parte das feiras dos libros galegas en 2013 falando nos encontros de literatura fantástica que organizaron as editoras Urco e Contos Estraños, levando a eles Ninguén lembra e dos que fun facendo correspondentes resumos neste mesmo blog.

Precisamente, telo en Sada foi empeño persoal, dado que en xullo pasado visitei Rianxo con Ninguén lembra, berce natal do autor, onde el foi o perfecto anfitrión naquela parada da nosa exquisita e calada conquista do universo. Co mesmo interese, neste venres 13 (unha data do máis axeitada) intercambiamos os papeis. E, se alá comezamos a invasión polo concello, nesta ocasión a fortaleza xa marcada co selo da cruzada fantástica foi un outrora templo de oración cristiá.

Unha vez feitas as debidas presentacións, falounos Xosé Duncan da obra que ven de publicar, A porta de Annwn, segundo volume da triloxía As crónicas de Bran. Évos esta unha serie de fantasía épica que pisa forte, que non dubida no decorrer do camiño, que nos leva da cidade dourada de Elawei ás vastas e verdes terras de Alba. Dende o ano pasado, cando fun testemuña d'A revolta dos Mestres (primeiro libro da triloxía) xa pasaron meses nos que non podía deleitarme con novas aventuras da panda de calculadores, insensatos, ou escamentos camaradas de viaxe de Bran. As triloxías (e o resto de series de libros máis longas) inacabadas teñen esa característica da espera, do pulso incómodo de deixar unha historia a medias, sabendo que podes imaxinarlle todos os finais posibles e sempre quedará un máis: o do propio autor. Cabe destacar que non imos ter o problema que se teñen dado en casos similares de non coñecelo nunca: ese final do autor xa está escrito e agardando agromar coa primavera de 2015, momento en que verá a luz, deixando pasar o agradable rumor dos meses mentres se aquieta o ferver desta porta mítica de Annwn que se abriu para as lectoras e lectores anhelosos neste marzo último.

Durante a conversa, Xosé Duncan confesou que afunde a súa inspiración non só nas mitoloxías antigas, como a celta, ou na Wicca..., senón tamén, como non podía ser doutro xeito, no mundo onde vive, que se plasma nitidamente en aspectos como a toponimia ou personaxes misteriosas coma o Solla. E en lendas da súa Barbanza natal coma o Home Paxaro. De aí o corvo co que comecei esta entrada, o mesmo que Duncan leva grabado na pel e na alma, escuro presaxio de morte para uns protagonistas que loitan desesperadamente pola vida.

Dende aquí, só convidarvos a que, se podedes, non deixedes de escoitar o que Xosé Duncan vos poida contar nas diferentes presentacións sobre o mundo de Bran, ou directamente lede os dous volumes xa publicados da triloxía, unha pasaxe asegurada a un universo fabuloso que gustará a quen alimentamos o noso maxín coa fresca carne da imaxinación.

Xosé Duncan amosa unha das ilustracións interiores que
integran A porta de Annwn, todas elas obra de José Ángel Ares.
A fotografía é xentileza da A.C. Irmáns Suárez Picallo.

0 comentarios: