De volta ao instituto

16:06 Dúas Lúas 0 Comentarios

O luns presentamos Ninguén lembra na biblioteca do IES Isaac Díaz Pardo, de Sada, aos alumnos de 4º da ESO. Durante a conversa, aproveitei para indagar sobre diversas cuestións e poñerme ao día sobre os gustos dos estudantes. Así, descubrín que á maioría lle encantaría vivir unha aventura cos seus amigos, como lle ocorre a Daia. Claro que, se lestes o libro, para que fose exactamente como a Daia, a esa aventura lle faltaría o engadido da fantasía: que tal se imaxinamos que tamén os rapaces e rapazas de 4º da ESO gardan neles os dons dos antigos? Unha vez imaxinado, de ter os dons dos que gozan os máeres, no instituto abondarían patófilos e kinesófilos, aqueles que xogan coa mente e co espazo, pero tampouco faltarían cronófilos, morfófilos ou biófilos, como a propia Daia. A aventura transcorrería a partes iguais no mundo real, como o inmenso Canadá, e en paraxes fantásticas, que de cando en vez non está de máis fuxir da rutina. Por iso, tampouco lles importaría visitar outros tempos, aínda que maioritariamente esas viaxes serían cara ao pasado, perigoso pero coñecido, que cara a un futuro que hoxe por hoxe nos pintan tan negro...

Se ata parece que lesen Ninguén lembra...

No noso lado da mesa (meu e de David, o editor que me acompañou), as dúas horas que pasamos presentando o libro por duplicado (a primeira hora con dúas clases e a segunda coa que faltaba) fixéronse curtas, e agardo que da outra banda tivesen a mesma impresión. E, como colofón, constatar que entre os oíntes había algunha que outra persoa amante da lectura e mesmo da escritura, o que non ten prezo. Por fin, déixovos con tres recomendacións fantásticas que nos fixeron durante a xornada:

  1. Niyura. La corona de los elfos: unha historia co sabor dos clásicos que relata como a coroa dos elfos dos pantanos acaba nas mans dun rei humano; un rei sedento de poder ao que só Nill, medio humana e medio elfa, poderá deter. A autora chámase Jenny-Mai Nuyen (1988), unha escritora de pai vietnamita e nai alemá que publicou o libro cando tiña 19 anos.
  2. Saga Cazadores de sombras: é unha colección escrita pola estadounidense Cassandra Clare (1973) que engloba diversas series de libros ambientadas nun universo repleto de seres sobrenaturais superposto ao noso e, habitualmente, invisible aos ollos da xente normal. Dende que en Cidade de óso (libro que da comezo á saga) Clary presencia como un grupo de estraños rapaces cubertos de tatuaxes acaban coa vida dun atractivo mozo de pelo azul, o mundo da rapaza non volverá a ser o mesmo, porque descubrirá que ao noso carón habitan anxos, demos, vampiros, fadas e todo tipo de criaturas extraordinarias.
  3. E, finalmente, tamén nos recomendaron unha película, Chronicle, que relata como tres rapaces, logo de quedar expostos a unha substancia descoñecida, desenrolan incribles poderes que acabarán por traerlles máis problemas que vantaxes. Aquí vos deixamos o tráiler.

0 comentarios:

Na inauguración do Maquinaria Pesada

16:10 Dúas Lúas 0 Comentarios

O pasado sábado 25 de xaneiro inaugurouse un novo lugar para dar saída á corrente cultural na cidade da Coruña: Maquinaria Pesada; un local duplo e singular a un tempo, autodefinido como "un pequeno espazo polivalente, ultramarinos de actividades varias, contedor para todo tipo de propostas onde a maquinaria somos nos e pequenos complementos". E ata alí levamos Ninguén lembra, para poñer a semente literaria e fantástica nunha xornada redonda que se completou cunha peza de microteatro, a cargo de Fernando Morán e Isabel Risco, e unha exposición de pintura e fotografía de Maribel Valdivieso. Un éxito rotundo tanto polas actividades como polo público, que abarrotou o local. Desexámoslle longa e próspera vida ao Maquinaria Pesada!





Fotos: Maribel Valdivieso

0 comentarios: