"Ninguén lembra" será traducido ao alto élfico

16:30 Dúas Lúas 0 Comentarios

Hai uns días recibín a proposta pouco común dunha lectora de Ninguén hembra entusiasta do universo Tolkien. Ao parecer, no seu tempo libre dedícase a estudar o quenya, unha das ideolinguas de O Señor dos Aneis, con algúns amigos, e de cando en vez recollen fragmentos de libros que lles gustan e os traducen ao alto élfico como un xeito de practicar; a súa intención sería, pois, probar a traducir algún anaco de Ninguén lembra á lingua tolkiana. Por suposto, respondinlle que sería un pracer e un orgullo ter esa tradución nas miñas mans, aínda que non sexa máis que dalgún fragmento, e pregunteille se podería compartila no meu blog. Hoxe respondeume que si, así que en canto a teña disponible poderedes gozar de Uuner enyala (Ninguén lembra en quenya) o mesmo ca min. Xa me tarda!

Déixovos cunha bela versión da canción quenya Namárie, Adeus, tamén coñecida con outros nomes como O lamento de Galadriel ou Canción dos elfos de alén do mar.




***

Esta foi a nosa pequena trola do 28 de decembro.
Agardamos que ninguén se fixese demasiadas ilusións co tema ;)

0 comentarios:

Libros neste Nadal

21:57 Dúas Lúas 0 Comentarios

O Nadal é unha época ideal para acomodarse sen finuras no sofá, apañar unha manta, e ficar horas lendo historias marabillosas...

video*

Alén de Ninguén lembra, tedes pensado agasallar libros... ou gustaríavos ser agasallados con eles?

0 comentarios:

Debullando a cerna das historias

23:40 Dúas Lúas 2 Comentarios

Por segunda vez recibín un convite para falar de Ninguén lembra nun club de lectura, desta volta na Biblioteca Municipal do Ágora, e outra vez máis, non puiden resistirme. Cada vez gústame máis isto dos clubs de lectura, o ti a ti con xente que ama ler, que se mostra tremendamente receptiva tanto a escoitar como a preguntar ou afondar naquelas cousas que lles chaman a atención sobre o que unha mesma conta. 

Hoxe a conversa levounos a falar, entre outros temas, da riqueza das linguas e do tesouro que son tanto elas como a tradición oral dos pobos, como un parágrafo dentro da civilización humana que quedaría esborrallado coa súa perda. Coido que esa dor intanxible pola memoria perdida, irrecuperable, como un elo tronzado entre o presente e o pasado, está na cerna de Ninguén lembra, e sopra nas súas páxinas constante, con máis ou menos vigor. 

Como eu non quero esquecer todo o bo e positivo que recollín na xuntanza de hoxe co integrante e as integrantes do club presentes, aos que agradezo infinitamente o ben que me fixeron sentir na súa compaña, escribo estas liñas para aqueles que seguides este blog pero tamén para min mesma, e poder lembrar con agarimo esta tarde de martes. 

E obrigada tamén, por suposto, con Maru, por convidarme a visitalos, e con ela mesma e Cristina, por acollerme na caloriña da biblioteca neste frío día de decembro. Como di por aí certa xente tola que casualmente traballa neste tolo oficio bibliotecario, saúde e libros!

E alá me fun!

(Licenza: Algúns dereitos reservados por Gallecu)

2 comentarios: