Presentacións veñen e van: de Lugo á Coruña

23:11 Dúas Lúas 0 Comentarios

Aínda non os repuxemos da fría e húmida xornada de presentación na Feira do Libro de Lugo, e xa anunciamos unha nova, desta volta na biblioteca municipal Sagrada Familia da Coruña.
Pouco teño que engadir ao que xa dixo algún dos meus compañeiros de mesa sobre o aspecto climatolóxico da cita luguesa, que tivo lugar pouco despois do mediodía do sábado 18 de maio, mais si quero deixar constancia da ledicia que unha sinte ao voltar ao lugar que unha vez sentín a miña casa. Ademais, Lugo está relacionado coa novela, polo menos animicamente, moito máis que outros lugares: durante a miña vida como luguesa comecei a trenzar os cabos soltos de Ninguén lembra, e imaxinei algunha que outra cidade amurallada mentres cada mañá cruzaba de porta a porta o centro de Lugo camiño do traballo. Algo ten Lugo que sempre me fai regresar, e así será tamén nesta ocasión, mais xa vos contarei iso máis polo miúdo cando se achegue o momento.
Mais o que ven agora é en poucos días: o martes 28 de maio, concretamente, estarei ás sete da tarde na Biblioteca Municipal Sagrada Familia da Coruña para falar de Ninguén lembra con aqueles que vos acheguedes. E será tamén unha cita especial, porque pasei longas horas de traballo baixo ese teito, preguntándome o xeito de que os usuarios e usuarias que atendía atopasen ese libro que os faría rir, emocionarse, ou rifar con el (eu teño rifado con moitos libros...). Non é estraño pensar que quizáis iso lle poida suceder a alguén coa historia que ti imaxinaches?

Fonte: Blog "El club de los 7 miedos"
(Bibliotecas Municipais de A Coruña)

0 comentarios:

Ailimi, Rosalía!

20:42 Dúas Lúas 0 Comentarios

Comeza o día das letras galegas cunha saudosa dualidade entre a merecida homenaxe ao persoeiro que hoxe se lembra, o camaleón Roberto Vidal Bolaño (que tanto aportou ao mundo do teatro galego en concreto e ao da literatura galega en xeral) e a celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, faro do rexurdimento da nosa literatura.
Eu homenaxearei ao segundo acudindo a ver Anxeliños, obra que anda nos escenarios da man da compañía Espello Cóncavo. Mais hoxe cómpre falar de Cantares gallegos por un motivo: porque neles me basei para facer algunhas probas da miña literaria linguaxe esquecida. Velaquí, para todos vós, un anaco da versión de Airiños, airiños, aires escrita nunha lingua que ninguén lembra... Que pasedes coa compaña dun bo libro o que queda de día das letras galegas!


0 comentarios:

Crónica fotográfica da presentación en Sada

17:36 Dúas Lúas 0 Comentarios


O 3 de maio presentouse Ninguén lembra na capela de San Roque de Sada. Recollo a continuación unha serie de imaxes que dan testemuña do momento acompañadas da miña impresión.

1. Acabo de sentar. Mentres sentan o resto d@s asistentes fico un intre ensimesmada (ou enminmesmada?). O libro, sobre a mesa, rouba as primeiras miradas.

2. David e Rodrigo, de Urco Editora, falan en primeiro lugar, presentando o proxecto editorial e o libro. A continuación, tócame a min.

3.  A xente abarrota a capela, o que sen dúbida reconforta a quen ten que tomar a palabra. Anda, se son eu!

4. Ninguén lembra é un libro que da para falar moito. Gustaralles o que lles quero contar?

5. Na primeira fila están moi atentos. Aínda máis preto deles, descansan os exemplares que máis tarde marcharán para distintos lugares. Quen sabe onde estarán hoxe?

6. Aínda que eu non son quen de prestar atención a ninguén en concreto, o ollo da cámara non deixa escapatoria.

7. Moito falei. Falei de outros (de Tolkien, de Lönnrot, de Ende...), falei de mulleres, da lingua...

8. ... pero tamén falei do que Ninguén lembra, de Daia, de Kailey, de Fiona. Tamén de Andrés.

 9. Todo remata, e a miña parola infinda non podía ser menos. Un efémero intre catártico estoupa ao meu arredor.

10. É o momento das preguntas. Intrígame saber que intrigará á xente de todo o que fun fiando.

11. A proba de que non fun a única que falei tédela aquí. Rodrigo e David (neste caso) aportaron ar fresco á conversa.

 12. Outra nova perspectiva do público. Aproximadamente coma o Royalty* nos seus bos tempos (xa vedes que me gusta esaxerar un pouco).

 13. Escoitando con extrema cordialidade e atención. Así da gusto!

14. E xa imos rematando. Este si é o aplauso final.

 15. Algunhas persoas comezan a intercambiar impresións.

16. Erguémonos por fin co resto da concurrencia. Sucédense os saúdos de caras coñecidas e algunha nova! Que ben!

17. Póñome mans ao choio para asinar exemplares. Pobres, o que lles espera! Poñerme un boli nas mans é perigoso...

18. Por fin, vou rematando de gastar tinta, neste caso cunha das miñas lectoras máis novas. A presentación rematou. Só me queda darlles as grazas a todas aquelas persoas que nos acompañaron. Obrigada!

*Para @s foráne@s, o Royalty foi a última sala de cinema que resistiu en Sada ata hai poucos anos.

0 comentarios:

Aprendendo a ler, aprendendo a escribir

14:40 Dúas Lúas 0 Comentarios

O pasado venres, 3 de maio, presentouse en Sada Ninguén lembra. Foi un pracer inmenso para min atopar entre @s asistentes a persoas que me acompañan día a día, coas que comparto conversas, confidencias e risas desde hai anos. Foi una sorpresa maravillosa compartir esta xornada con aqueles e aquelas ás que, facendo tempo (anos, incluso), que non vía, alí estaban no medio do aforo da capela. Foi fabuloso recoñecer entre a xente a incribles persoas a quen coñecín nos últimos tempos por estas casualidades, talvez nada casuais, que ten a vida. Foi una gozada ver rostros de xente á que non lle sei o nome, pero gustaron de achegarse a escoitar palabras de reflexión sobre o meu longo relato. E, xunto a todos eses encontros fabulosos, foi terriblemente emocionante atopar sentado entre eles a Luis.

Supoño que á maioría de vós o nome non vos dirá nada, pero foi una das persoas que alicerzou o meu apego pola lectura. Mais eu non lle chamaba Luis naqueles anos, chamáballe “profe”. E, aínda que xa sabía ler e escribir dun xeito rudimentario cando me deu clase (por varios cursos), se non fose por cousas como a biblioteca de estupendos libriños que puxo á nosa disposición na aula ou as lecturas dramatizadas de historias esmendrellantes como a de Orla Tragarranas hoxe non tería aprendido a ler e escribir como o fixen.

Por certo, o outro día esquecín recomendarvos Orla Tragarranas


0 comentarios: